« A
Fraga de Catasós »
Decreto
76/2000, do 25 de febreiro, polo que se declara monumento
natural a Fraga de Catasós, no Concello de Lalín (provincia de
Pontevedra)
A protección e conservación do noso patrimonio
natural é un mandato recollido no artigo 45 da vixente
Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia
dos nosos ecosistemas.
As competencias en materia de
protección do medio ambiente e da paisaxe fóronlle
conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo
27.30º do Estatuto de Autonomía asumidas pola Xunta de
Galicia a través do Real Decreto 1535/1984, do 20 de
xuño.
A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de
conservación dos espacios naturais e da flora e fauna
silvestres, define no seu artigo 16.1º os monumentos
naturais como espacios ou elementos da natureza constituídos
basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza
ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección
especial. A dita protección dispénsase a través da oportuna
declaración de monumento natural que, segundo o artigo 21.2º
da mesma lei, lle corresponde á Comunidade Autónoma no que o
ámbito territorial de atope situado.
A Fraga de Catasós, tamén coñecida
como Carballeira de Quiroga, localízase na parroquia de
Santiago de Catasós, no concello de Lalín. Este contorno
presenta unhas características botánicas de grande
importancia, singularidade e beleza, tendo en conta que na
súa maior parte constitúe un importante bosque mixto de
carballo (Quercus robur L.) e castiñeiro (Castanea
sativa Mill.), os exemplares do cal son considerados
como os mellores de Europa pola súa lanzalía, espertando o
interese de diversos investigadores. En canto ás súas
características climáticas e edáficas, hai que sinalar que
se encontra dentro do dominio climático oceánico e asentado
xeoloxicamente sobre micacitas metamórficas prehercínicas
básicas, que dan lugar a solos pardos ácidos, forestalmente
productivos.
Por orde da Consellería de Medio
Ambiente, do 31 de maio de 1999, someteuse a información
pública e posterior trámite de audiencia ós interesados o
informe para a declaración da Fraga de Catasós como
monumento natural, sen que rematado o prazo de citado
trámite foses presentadas alegacións.
Por esta razón, e por proposta do
conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do
Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día
vintecinco de febreiro de dous mil,
DISPOÑO
Artigo
1º
De acordo coa Lei 4/1989, do 27 de marzo,
de conservación dos espacios naturais e da flora e da
fauna silvestres, declárase como monumento natural a Fraga
de Catasós, situada no ligar de Quintela, parroquia de
Catasós, concello de Lalín, cunha superficie total de
4,5185 ha.
A declaración como monumento natural
implica a protección pola Administración dos procesos
ecolóxicos básicos existentes na zona, mediante a regulación
da utilización ordenada dos recursos, que garantan o
aproveitamento sostible das especies e dos ecosistemas e a
súa restauración e mellora, para facer efectiva a
preservación da variedade, singularidade e beleza do seu
ecosistema natural e paisaxe.
Artigo
2º
Os límites do monumento natural,
representados graficamente no Anexo I, son os que
corresponden ás parcelas denominadas Cerre da Costa (24.829
m.), Tenza de Monte (1.219 m.), Zanca de Arriba (4.712 m.) e
Val de Fernando (14.425 m.)
Artigo
3º
A declaración da Fraga de Catasós
como monumento natural non impedirá as actividades que non
menoscaben os valores naturais que fundamentan a protección
que con este decreto se pretende. En concreto, poderán
levarse a cabo traballos silvícolas, diminución de
matogueiras, limpeza de sendas, poda, eliminación de pés e
outros traballos que colaboren ó mantemento deste monumento
natural.
Para o resto de actividades
requirirase, con carácter previo, autorización da
Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo dos permisos,
licencias e demais autorizacións que sexan esixidos por
outras disposicións legais.
En todo caso non se poderán realizar
en todo o ámbito do monumento natural as actividades
seguintes:
- A realización de acampadas ou campamentos
- As actividades de desmonte ou realización de
terrapléns
- Os vertidos de lixo, cascallos e residuos sólidos en
xeral, así coma o establecemento de calquera tipo de
vertedoiro de lixo no interior do monumento
- A realización de queimas
- A colocación de carteis e anuncios publicitarios agás
os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio
monumento natural
- A modificación das canles públicas
- As explotacións e actividades industriais e agrarias
- A instalación de tendidos eléctricos
- Os aproveitamentos mineiros de xea presentes na área
- A realización de edificacións permanentes de calquera
tipo
- O estacionamento e circulación de vehículos fóra dos
camiños e vías existentes, agás os vehículos e maquinaria
propios da actividade agrícola e forestal
Os aproveitamentos forestais
autorizaranos, de se-lo caso, o órgano competente en materia
forestal, tralo informe favorable do Servicio Provincial de
Medio Ambiente Natural.
Artigo
4º
A infracción do réxime de protección
establecido ou a non observancia da normativa vixente serán
sancionadas de acordo co disposto na Lei 4/1989, de 27 de
marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e
fauna silvestre, ou nas normas que, de se-lo caso, poidan
substituíla e demais disposicións que a teor da natureza da
infracción resulten aplicables.
Disposicións
derradeiras
Primeira.- Facúltase o conselleiro de
Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para
desenvolve-lo presente decreto.
Segunda.- Este decreto entrará en
vigor o día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela,
vintecinco de febreiro de dous mil
Manuel Fraga
Iribarne
Presidente
José Carlos del Álamo
Jiménez
Conselleiro de Medio Ambiente