Logo Consellerías


Navegador Navegador
  
  
      Conservación da Natureza

 

« O Souto de Rozabales »

Decreto 78/2000, do 25 de febreiro, polo que se declara monumento natural o Souto de Rozabales, no Concello de Manzaneda (provincia de Ourense).

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da vixente Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas.

As competencias en materia de protección do medio ambiente e da paisaxe fóronlle conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.30º do Estatuto de Autonomía asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real Decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, define no seu artigo 16.1º os monumentos naturais como espacios ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. A dita protección dispénsase a través da oportuna declaración de monumento natural que, segundo o artigo 21.2º da mesma lei, lle corresponde á Comunidade Autónoma no que o ámbito territorial de atope situado.

Os soutos na nosa Comunidade Autónoma veñen sendo explotados secularmente polo home, representan un ecosistema agrosilvopastoral en equilibrio e albergan así mesmo unha grande biodiversidade ó presentaren numerosos hábitats propicios para a fauna.

O Souto de Rozabales, no Concello de Manzaneda, é un espacio onde poden contemplarse exemplares arbóreos de extraordinaria beleza. Como exemplar sobresaínte destaca pola súa singularidade o Castiñeiro de Pumbariños. Este magnífico exemplar, cun perímetro de 12,15 m. constitúe un exemplo de equilibrio entre as actividades forestais, agrícolas e de aproveitamento gandeiro, que forman parte do noso patrimonio, non só natural, senón tamén cultural.

Por orde da Consellería de Medio Ambiente, do 31 de maio de 1999, someteuse a información pública e posterior trámite de audiencia ós interesados o informe para a declaración do Souto de Rozabales como monumento natural, sen que rematado o prazo de citado trámite de audiencia, fosen presentadas alegacións.

Por esta razón, e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de febreiro de dous mil,

Dispoño

Artigo 1º

p05ei04a.jpg (14018 bytes)De acordo coa Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e da fauna silvestres, declárase como monumento natural o Souto de Rozabales, situado na parroquia de San Martiño de Arriba de Manzaneda, concello de Manzaneda, cunha superficie de 1 ha., 79 áreas e 80 centiáreas.

A declaración como monumento natural implica a protección pola Administración dos procesos ecolóxicos básicos existentes na zona, mediante a regulación da utilización ordenada dos recursos, que garantan o aproveitamento sostible das especies e dos ecosistemas e a súa restauración e mellora, para facer efectiva a preservación da variedade, singularidade e beleza do seu ecosistema natural e paisaxe.

Artigo 2º

Os límites do monumento natural, representados graficamente no Anexo I, son os seguintes:

  • Polígono I:
    Polo sur coa Estrada Trives-Manzaneda
    Polo norte, leste e oeste co camiño público que enlaza co camiño de Rozabales-Acevoso
  • Polígono II:
    Polo sur co predio denominado Serra da Uz e co chamado Pumbariños
    Polo norte co camiño público Rozabales-Acevoso
    Polo leste co camiño público que parte da estrada de Trives a Manzaneda e enlaza co de Rozabales-Acevoso
  • Polígono III:
    Polo sur co camiño de Rozabales-Acevoso
    Polo oeste co predio denominado Pontón ou Pumbariños
    Polo norte co predio Pontón ou Pumbariños e o denominado Pisco
    Polo leste cos predios Pontón ou Pumbariños e o comunal o mesmo nome da Comunidade de Veciños de Manzaneda
Artigo 3º

A declaración do Souto de Rozabales como monumento natural non impedirá as actividades que non menoscaben os valores naturais que fundamentan a protección que con este decreto se pretende.

Para o resto de actividades requirirase, con carácter previo, autorización da Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo dos permisos, licencias e demais autorizacións que sexan esixidos por outras disposicións legais.

En todo caso non se poderán realizar en todo o ámbito do monumento natural as actividades seguintes:

  1. A realización de acampadas ou campamentos
  2. As actividades de desmonte ou realización de terrapléns
  3. Os vertidos de lixo, cascallos e residuos sólidos en xeral, así coma o establecemento de calquera tipo de vertedoiro de lixo no interior do monumento
  4. A realización de queimas
  5. A colocación de carteis e anuncios publicitarios agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural
  6. A extracción de area e o recheo das zonas húmidas
  7. As explotacións e actividades industriais e agrarias
  8. A instalación de tendidos eléctricos
  9. Os aproveitamentos mineiros de xea presentes na área
  10. A realización de edificacións permanentes de calquera tipo
  11. O estacionamento e circulación de vehículos fóra dos camiños e vías existentes, agás os vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal

Os aproveitamentos forestais autorizaranos, de se-lo caso, o órgano competente en materia forestal, tralo informe favorable do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

Artigo 4º

A infracción do réxime de protección establecido ou a non observancia da normativa vixente serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 4/1989, de 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, ou nas normas que, de se-lo caso, poidan substituíla e demais disposicións que a teor da natureza da infracción resulten aplicables.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.- Este decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de febreiro de dous mil

Manuel Fraga Iribarne
Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez
Conselleiro de Medio Ambiente



Información:

Para calquera cuestión ou aclaración adicional pode vostede dirixirse á:

Consellería de Medio Ambiente
Centro de Desenvolvemento Sostible
S.X. de Información, Formación e Tecnoloxía Ambiental

Solicitude de información
San Lázaro s/n
15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf.: 981-541-763 Fax: 981-541-765

MAPA DA WEB  |   INFORMACIÓN AMBIENTAL


 

© Xunta de Galicia
Servicio prestado pola Consellería de Medio Ambiente
Información mantida polo Centro de Desenvolvemento Sostible.
Última actualización: « »
Correo electrónico: webmaster.cma@xunta.es
URL: