«
Parque Natural "Baixa Limia" »

Medio
Físico.
| Ubicación |
Entrimo-Lobios-Muiños
(Ourense) |
| Superficie |
20.920 Ha. |
| Data de
declaración |
11 de Febreiro de
1993 |
| Lexislación |
Decreto 155/97 de 5 de xuño
|
O home e o
medio.
A actitude do home co medio que lle
rodea está convertindo o planeta nun espacio domesticado
a pasos axigantados. Pero a nosa relación coa Natureza,
que nos permite algo tan importante como a vida, non foi
sempre como hoxe a conocemos. A crecente aglomeración da
poboación en cidades construídas para os automóbiles e para
a producción, en auténticos formigueiros desprovistos de
personalidade, ou a creación de novas necesidades, deriva
nunha sobreexplotación dos recursos.
En ocasións, quizais demasiadas, tomamos do medio natural
máis do que precisamos para a nosa supervivencia, rompendo
un equilibrio que está por riba de nós e sen ter en conta
que somos unha máis das especies que habita a Terra. A
paisaxe que creamos é moi diferente da paisaxe natural.
Domesticamos a natureza, case sempre baixo uns criterios
económicos de beneficio inmediato que uniformiza e degrada o
medio onde vivimos. Pero tamén o Home, o único ser racional
coñecido, é quen de restituír o que toma do medio natural,
porque cada vez máis, é consciente do que necesita. Porque
non podemos prescindir daquelas cousas que aínda gardamos en
común co resto dos compañeiros de viaxe da Terra. Así,
dentro da demanda de volta a Natureza, a creación dun
espacio protexido na Baixa Limia, un PARQUE NATURAL, é unha
resposta á reacción do home ante a destrucción progresiva
dun medio natural vital para a supervivencia.
O
parque natural.
O PARQUE NATURAL da Baixa Limia-Serra
do Xurés, sitúase no Suroeste da provincia galega de Ourense.
Participa da orografía típica das serras meridionais de
Galicia, e acolle boa parte das de Leboreiro, Quinxo, Santa
Eufemia, Xurés e Pisco, superando todas elas os 1.000 m.
de altitude.
Abarca unha superficie de 20.920 has., que se
corresponden coas zonas máis elevadas dos concellos de
Entrimo, Lobios e Muíños, limítrofes con Portugal e co
Parque Nacional portugués de Peneda- Gerês. O PARQUE NATURAL
exténdese polo sector extremo da subcomarca de A Baixa
Limia. En Galicia, A Limia defínese pola cunca fluvial do
río Limia, con evidente personalidade na Galicia interior e
cunha extensión aproximada de 1.250 km2. O gran
contraste orográfico evidencia dúas subcomarcas: A Limia
Alta e a Baixa Limia, espallándose esta última polos
concellos de Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Bande, e
parcialmente por Verea, Calvos de Randín, Baltar e Os
Blancos.
A declaración dun Espacio Natural Protexido
na Baixa Limia, obedece a tres obxectivos. O primeiro é
a defensa dunha zona de interese natural, paisaxístico,
etnográfico e arqueolóxico, pero hoxe parcialmente alterado
e ameazado por causas diversas. O segundo obxectivo, é promover
e facilitar o achegamento entre a Natureza e o Home, ben
para aproveitalos períodos de lecer e vacacións, ben para
facilitar e promove-lo estudio e as investigacións sobre
esta área xeográfica, harmonizando o disfrute coa conservación
dos nosos valores naturais, históricos e etnográficos. E
o terceiro promover o desenvolvemento sostenible das poboacións
residentes no Parque Natural e na súa área de influencia
facilitando o achegamento de novos recursos e novas alternativas
de desenvolvemento que axude a fixar as poboacións en harmonía
co seu entorno. Así, dada a existencia duns ecosistemas
parcialmente aIterados, a necesidade da súa protección,
revalorización e reconstrucción ,e a posibilidade de acceso
do público, optouse pola declaración de PARQUE NATURAL materializada
mediante o Decreto 29/1993 da Consellería de Agricultura,
Gandería e Montes da Xunta de Galicia.
Zonificación.
A zonificación ou clasificación da superficie
do PARQUE NATURAL segundo as áreas con maior ou menor existencia
e conservación dos seus valores naturais, realizouse co
fin de acadar a adecuada planificación, conservación e protección
dos valores faunísticos, botánicos, xeolóxicos, paisaxísticos,
etc. Con esta intención, á que se engade a existencia de
poboacións e actividades económicas no entorno, establécense
no seu PLAN RECTOR DE USO E XESTIÓN sete categorías ou zonas,
segundo os valores naturais sexan moi altos, altos, medios
ou baixos e de acordo ó uso actual do territorio: Reserva
Integral, Protección Especial, Rexeneración Forestal, Cultivos,
Servicios, Núcleos Rurais e Masas de Auga.
Dúas son as zonas con protección máis exhaustiva.
- A primeira en importancia é a clasificada como
Zonas de Reserva Integral, que inclúe as
paraxes do Barranco de Olelas, os cumios e plataformas
superiores da Serra do Xurés, o Barranco da Cruz de Touro,
no sector meridional da Serra de Santa Eufemia, e o
entorno de A Barxa, no Val do Salas. Todos estes lugares
conservan valores naturais moi altos, sobre todo dende o
punto de vista faunístico e botánico, polo que nelas
prevalece a conservación e preservación sobre calquera
outra actividade. Tamén gardan un alto interese as Zonas
de Protección Especial, como as ribeiras non alteradas do
río Salas, a Serra de Santa Eufemia e do Quinxo, e as
vertentes intermedias da Serra do Xurés e da Serra do
Leboreiro. Nestes sectores, que aínda conservan valores
naturais altos e medios sería, non obstante, compatible a
explotación tradicional do monte ou do pastoreo, sempre
que esas actividades non deriven na degradación do medio
ambiente.
- As restantes categorías incluídas na zonificación do
PARQUE NATURAL, acollen aquelas áreas onde predominan os
valores naturais medios ou baixos, incluídas as
explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais, os cascos
urbanos e os encoros de Salas e Lindoso. Así, na
Zona de Rexeneración Forestal englóbanse
aqueles terreos de monte con valores medioambientais
escasos e nos que está permitida a explotación racional e
non degradante dos recursos forestais ou os aptos para a
gandería. Así mesmo, o PARQUE NATURAL é compatible coas
Zonas de Cultivo de Queguas, Guxinde, Pereira, Bouzadrago,
Olelas, A Illa, (Entrimo), Quintela, Compostela, Ludeiros,
A Cela (Lobios), Albite, Requiás ou Guntumil (Muíños).
Xeoloxía e
solo.
A superficie que ocupa o PARQUE NATURAL
aséntase fundamentalmente sobre granito, nas súas distintas
variedades e sobre os que, en determinadas zonas, superpóñense
rochas sedimentarias xistosas posteriormente metamorfizadas.
En consecuencia, o subsolo consta de tres series xeolóxicas,
aínda que cunha representación e distribución moi desigual.
O sustrato rochoso granítico, que ocupa case a totalidade
do parque son as migmatitas nebulíticas (ou serie granitoide)
localizadas puntualmente no Noroeste e Leste e as granodioritas
biotíticas da Serra do Xurés, o aluvial areoso de Aceredo-Reloeira-O
Bao, hoxe baixo as augas do encoro de Lindoso, así como
tamén o cono de dexección de Buscalque. Os solos, ou clases
edafolóxicas, condicionados sobre todo pola xeoloxía, a
acumulación sucesiva dun ou máis sedimentos e a climatoloxía,
entre outros factores relacionados entre si, representan
un gran interese dende o punto de vista da flora e dos cultivos,
xa que da formación de cada un deles, da maior ou menor
influencia hídrica, ou das pendentes do terreo, depende
o uso que se lles poida dar. Uns son aptos para acoller
e sustentar diversos cultivos, como e o caso da Terra Parda,
outros son idóneos para a formación de pradeiras naturais,
que se extenden sobre os solos de Anmoor ácido ou sobre
os gleyficados e, finalmente, algúns ofrecen características
moi pobres para a explotación agrícola e gandeira ou, mesmo
totalmente improductivos, como ocorre cos Ránker, Protorránker,
Rochedo de Silicatos ou Litosol. No PARQUE NATURAL localízanse,
a grandes rasgos, tres grandes tipos de solos. O Protorránker,
de calidade productiva moi pobre, inclúe afloramentos rochocos
próximos ó 50%, cunha orografía moi abrupta. Se distribúen
por tódala Serra do Xurés, Santa Eufemia e Quinxo. O Ránker
Gris Distrófico, un solo pobre cun único horizonte húmico
sobre o que predomina unha vexetación de "uces", "carpazas",
"queirogas", "breixos" e "torgas". Fórmanse preferentemente
sobre paisaxes de cumios e ladeiras e, no PARQUE NATURAL,
exténdense sobre as altitudes intermedias das serras (1.000/500
m.). A Terra Parda Mesotrófica é un solo fértil, cuns horizontes
potentes caracterizados por unha drenaxe idónea para os
cultivos. Localízanse nas desembocaduras dos afluentes do
Limia, onde se abren os vales e as pendentes topográficas
son suaves. Predominan sobre todo nas veigas abertas, na
hoxe desaparecida de Aceredo-Buscalque, na do Val de Riocaldo
e na de Requiás-Guntumil-Maus de Salas.
A
paisaxe.
Un dos grandes atractivos do PARQUE
NATURAL, e a súa variedade e intensidade paisaxística. Unha
paisaxe natural nos cumios das serras, nas que o home, ante
as inmensas moles graníticas, apenas foi capaz de deixar
a súa pegada, tan só rabuñando a superficie dun macizo cortado
durante milleiros de anos polo río Limia e os seus afluentes.
Calquera cumio ou elevación permite o encontro con numerosas
variacións paisaxísticas que derivan no abrupto modelado
da zona, onde altitudes superiores os 1.500 m. se despeñan
sobre o leito do Limia, que nalgúns tramos discorre por
baixo dos 300 m. de altitude. Ó Norte, as estribacións da
Serra de Leboreiro, aplanadas e de orografía suave na Serra
de Queguas, estrélanse subitamente contra a áspera Serra
do Quinxo, como se mantuvesen unha constante discusión xeolóxica
no lugar de A Ameixoeira, aínda a sabiendas de que ningunha
das dúas gañará nunca. No Sur, na Portela de Pitoes, adivíñase
unha batalla semellante, tamén calada, entre os xoves e
altivos Picos de Fontefría, na Serra do Xurés, e a apacible
e vella Serra do Pisco. A Serra do Xurés e a de Santa Eufemia,
se ben agrestes, parecen manter unha tregua, seguras dos
seus poderes, para abrir o paso entre elas no lugar de Portela
de Home, para deixar entrar todo aquelo que quera vir dende
o Sur. Despois da pedra, a auga nos seus dous estados: A
salvaxe, na forma de numerosas torrenteiras orixinadas polo
desxeo das neves invernais e das chuvias, cauces que se
despeñan polas gretas das ladeiras das serras ruxindo, quizais
polo arrebato das alturas, entre nubes de po de escuma.
Despois, a auga domada, inevitablemente morna e calada nos
tres encoros de Salas, As Conchas e Lindoso tras perde-la
liberdade que só volverán a gañar cando fagan xirar as turbinas
das centrais hidroeléctricas. Pero eses mesmos encoros proporcionan
o marco adecuado para a práctica de actividades naúticas,
combinando o lecer co deporte.
A
flora.
A comarca de A Baixa Limia e o PARQUE
NATURAL, se sitúan nunha zona de transición entre dúas grandes
rexións florais europeas: a Eurosiberiana (provincia atlántica)
e a Mediterránea (provincia carpetano-leonesa). Por este
motivo, a vexetación alterna bosques de árbores caducifolias,
característicos de condicións climáticas húmidas, cos de
folla perenne como son a sobreira (Quercus suber)
ou o érbedo (Arbutus unedo) máis adaptados á falla
de auga durante determinados períodos do ano. Pero tamén
o PARQUE NATURAL caracterízase pola súa orografía abrupta,
con fortes contrastes altitudinais que oscilan entre as
cotas próximas ós 260 m. e as superiores ós 1.500 m., diversidade
que introduce e matiza tamén diferencias entre a vexetación.
Polas áreas de montaña das serras de O Quinxo, Santa Eufemia
ou Xurés exténdense poboacións de reboleiras ou cerquiños
(Quercus pyrenaica) que nas zonas máis altas acompáñanse
do piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) e do teixo
(Taxus baccata). Nos cumios das serras predomina
a vexetación de monte baixo e só ailladamente atopamos reboleiras,
acivros (Ilex aquifolium) e cancereixos (Sorbus
aucuparia). O bosque das zonas baixas do val do Limia
está formado principalmente por poboacións de carballos
(Quercus robur), xunto co castiñeiro (Castanea
sativa), a sobreira e o piñeiro común (Pinus pinaster),
se ben non faltan o loureiro (Laurus nobilis), o
érbedo e o sanguiño (Frangula alnus). A traveso dos
cen ríos e regatos que percorren as serras cara a fondal
do val do Limia atopamos como bosque de galería os bidueiros
(Betula celtiberica), os freixos (Fraxinus angustifolius),
os amieiros (Alnus glutinosa), os chopos (Populus
trémula), as aveleiras (Corylus avellana) e varias
especies de salgueiros (Salix sp.)
A
fauna.
As contrastes paisaxísticas do PARQUE
NATURAL, coa súa diversidade orográfica e a variada vexetación,
permitiu a aclimatación e proporcionou refuxio a fauna variada.
Sen embargo, a acción incontrolada do Home provocou a extinción
de especies como o oso (Ursus arctos) e a cabra do
Xurés ou cabra brava (Capra pyrenaica lusitanica)
da que a derradeira constancia histórica data de 1.892.
Xa escomenzou a súa reintroducción nas serras do Xurés tendo
en conta que os escarpes existentes proporcionan unhas condicións
óptimas para a súa cría en liberdade. Hoxe en día, entre
os grandes mamíferos representativos da zona que forma parte
do PARQUE NATURAL e do que xa existe un programa de recuperación
en marcha, é o cabalo (Equus cavallus) chamado Poni
galego ou Garrano, que vive en réxime de semiliberdade nas
chairas altas das serras (Leboreiro, O Quinxo, Santa Eufemia,
Xurés ou Pisco) aclimatados ás condicións máis duras, e
parentes do Asturcón astur, o Pottok vasco, o Garrón escocés,
o Connemara irlandés ou o Gotland sueco. Outro dos mamíferos
característicos é o corzo (Capreolus capreolus),
unha especie ameazada pola caza incontrolada e que atopa
no PARQUE NATURAL o escenario ideal para a súa reproducción,
exemplares de lobo (Canis lupus), así como raposo
(Vulpes vulpes), xabarín (Sus scropha), ou teixugo
(Meles meles), e lontra (Lutra lutra) nas
augas máis frías e cristalinas. A poboación de aves tamén
é variada con presencia de aguia real (Aquila chrysaetos)
que aniña no veciño Parque da Peneda-Gerês, aguia albela
(Circaetus gallicus), rapina perdiceira (Hieraaetus
fasciatus), a aguia cincenta (Circus pygargus),
así como a bubela (Upupa epops), ou a anduriña brava
(Riparia riparia), entre moitas outras. Tamén os
reptís e anfibios están amplamente representados no PARQUE
NATURAL, a grandes rasgos, os mesmos que podemos atopar
noutras zonas de Galicia e no norte de Portugal como, entre
outros, a cobra de auga (Natrix natrix), a vibora
fociñenta (Vipera latasti), o lagarto verdinegro
(Lacerta schreiberi), a lagartixa de bocaxe (Podarcis
bocagei), o sapo común (Bufo bufo) ou o sapo
parteiro (Alytes obstetricans).
O home
no pasado.
A comarca da Baixa Limia, logo dos resultados
dos estudios que aínda se están a realizar na zona, conta
cun rico Patrimonio Arqueolóxico, legado que permite achegarnos
á evolución histórica da zona. Coñécense indicios do primeiro
poboamento humano de cazadores e recolectores do Paleolítico
nas terrazas da veiga de Lobeira e de Riocaldo. Pero sen
dúbida a primeira ocupación efectiva e case total da comarca,
na que se inclúe o PARQUE NATURAL, tivo lugar a partir de
mediados do IV milenio a.C. e levada a cabo polos primeiros
pobos pastores e agricultores que erixiron os numerosos
Monumentos Megalíticos, aproximadamente entre o 3500 a.C.
e o 2000 a.C. e, polo momento, os únicos expoñentes chamados
antas, arcas, mámoas, motas, dólmenes, etc. panteóns funerarios
daquelas xentes, distribúense copiosamente polo Val do Salas,
Serra de Leboreiro, Serra das Motas, Serra de Queguas, Pisco,
Monte das Motas, Galez e un largo etcétera, chegando a se-los
restos arqueolóxicos máis representativos da comarca. Tamén
nela estanse a constatar progresivamente os vestixios dos
primeiros pobos metalúrxicos do cobre, integrados nunha
época denominada arqueoloxicamente como Calcolítico. Primeiro,
reflectados nos asentamentos ó ar libre, con materiais líticos
e cerámicos do ámbito "Penha", que ocupan o Val do Limia,
aproximadamente a partir do 2500 a.C. Posteriormente, unha
segunda manifestación da metalurxia do cobre, é a que deriva
da localización das cerámicas "Campaniformes", aproximadamente
entre o 2200/2000 a.C. e o 1800 a.C. A Idade do Bronce é
menos coñecida, limitándose polo momento a achádegos aillados
correspondentes coa súa fase inicial e localizados en megalitos
(A Casina da Moura, Maus de Salas) ou un machado de bronce
tamén atopado en Maus de Salas. Os máis nomeados representantes
da nosa Protohistoria son os xacementos denominados castros,
poboados construídos en lugares con defensas naturais, como
outeiros elevados ou esporóns montañosos rodeados por meandros
fluviais, ós que se engaden diferentes sistemas de fortificación
(varios cinturóns de murallas, parapetos e fosos). A Cultura
Castrexa, protagonizada polos pobos galaicos, exténdese
cronoloxicamente dende o século VI/V a.C. ata o IV d.C.
Cando chegan os romanos ó Noroeste Peninsular (é agora obrigado
o recordo a Decimo Junio Bruto, cando cruza o Limia no ano
137 a.C.), aqueles habitantes dos castros, logo da conquista
de Gallaecia (concluída en torno ó 19 a.C.) entran na órbita
cultural dos conquistadores, iniciándose o proceso de romanización,
etapa da que coñecemos os restos arqueolóxicos de Aquis
Querquennis en Porto Quintela (Bande), Aquis Originis en
Baños de Riocaldo (Lobios) ou a Vía XVIII, que cruza a zona
durante o trazado que xunguía as antigas capitais de Bracara
Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga).
Os primeiros séculos da Idade Media son aínda pouco
coñecidos dende a arqueoloxía, agás monumentos como o de
Santa Comba, do século VII, ou outros achádegos aillados e
dispersos por tódala comarca. Polo momento, os traballos
están pondo de manifesto o papel que xogou esta zona nos
grandes feitos que caracterizaron ó medievo en Galicia
(feudalización, Guerras Irmandiñas). Todos eles deixeron a
súa pegada coa construcción de castelos, dos que aínda se
recoñecen restos arquitectónicos en A Vila (Lobios), Monte
dos Castelos (Entrimo) ou os numerosos indicios de
poboamento medieval que se están descubriendo na Baixa
Limia.
A
poboación hoxe.
A actuaI poboación de dereito dos tres
concellos que integran o PARQUE NATURAL suma un total de
7.262 hbs., que se reparten entre Entrimo (1.660 hbs.),
Lobios (3.266 hbs.) e Muíños (2.336 hbs.). Trátase dunha
poboación regresiva, na que predominan os maiores de 60
anos sobre os menores de 20 anos, que decrecen progresivamente
en número e representación porcentual. Pero a poboación
non se distribúe uniformemente por tódala zona. Pobos, aldeas
e lugares, concéntranse polo baixo val do Limia e dos seus
principais afluentes, como o Salas, Grou, Lobios, Caldo,
Illa e Castro Laboreiro, como corresponde a un patrón de
poboamento con economía agropecuaria. Deste xeito, sobre
as áreas máis propicias para a agricultura (as terras pardas),
principalmente no exterior e no límite do PARQUE NATURAL,
se localizan os núcleos de poboación máis importantes, como
Mugueimes, Porto Quintela, Santa Comba, Grou, A Terrachá,
Riocaldo, Lobios, Requiás, Guntumil, etc. En contraste existen
auténticos desertos dentro da comarca, sobre todo nas zonas
superiores das serras (Quinxo, Leboreiro, Santa Eufemia
ou Xurés), agás aldeas gandeiras dispersas e con poucos
veciños como Albite, A Cela, Queguas, ou Bouzadrago. As
actividades agrogandeiras representan a ocupación máis numerosa,
organizadas en explotacións maioritariamente familiares
que significan máis da metade dos postos de traballo. O
sector servicios, sobre todo hostelería, comercio e transportes,
ocupa o segundo lugar na economía da zona, se ben con gran
diferencia con respecto á agricultura.
Arquitectura
popular.
As vivendas tradicionais da Baixa Limia parecen obedecer
a unha evolución arquitectónica que se inicia coas casas de
planta baixa e un único recinto interior. No seu interior
convivían xentes e gando separados por un valado de madeira,
que posteriormente se sustituíu por unha parede de pedra. Un
modelo máis evolucionado o constitúen as casas de dúas
plantas. A baixa albergaba as cortes e a outra estaba
compartimentada en habitacións e accedíase a ela por medio
dunha escaleira de pedra exterior. Outras vivendas
semellantes a esas inclúen unha solaina, corredor exterior
situado cara ó oriente. Finalmente, as vivendas, de dúas
plantas compartimentadas en diversas dependencias e cun
balcón exterior cunhas dimensións que acadan a totalidade da
fachada. Distintas a estas son as casas solariegas ou pazos,
vivendas señoriais que actuaron no pasado como auténticas
unidades de explotación agrícola dirixidas e organizadas por
grandes familias de propietarios terratenentes. O ser a
Baixa Limia unha comarca eminentemente agrogandeira, non é
difícil recoñecer en cada un dos recantos do PARQUE NATURAL
unha rica arquitectura popular diferenciada da vivenda e
relacionada coas distintas fases do proceso agrícola. As
eiras, na súa maioría enlousadas, lugares onde se malla o
cereal para separar o grao da palla; os hórreos, de pedra e
tamén con madeira, destinados á almacenaxe dos productos
agrícolas en 1ugares elevados e aireados para evita-la
humidade. Repartidos entre os numerosos ríos e regatos que
drenan a zona, pódense ver conxuntos de muíños hidraúlicos,
que interveñen no proceso de transformación do grao en
fariña (millo, centeo, trigo) antes da súa panificación. Así
tamén os fornos, tanto os existentes nas casas particulares
como os comunais, que culminan o proceso coa cocción.
Rutas.
O PARQUE NATURAL nos ofrece unha grande variedade de
alternativas para acceder o seu disfrute. Pero lecer e
formación constitúen unha das súas facetas máis
interesantes, na que a diversión, o descanso e a
interpretación dos seus diversos valores, é unha constante
en calquera das rutas que escollamos, tanto se optamos polos
percorridos en automóbil, como se decidimos integrarnos coa
natureza, percorrendo a pé os seus camiños e sendeiros.
Existen rutas adecuadas para cada actividade ou persoa. Para
aqueles impacientes que buscan un achegamento rápido á
comarca, optando por vehículos motorizados que lles permitan
efectuar longos desprazamentos en pouco tempo. Pero tamén
para os que saben disfrutar de cada paso e aínda non
perderon a capacidade de sorprenderse coas cousas que lle
ofrece cada volta do camiño.
Entre as primeiras, en automóbil, podemos optar pola
"Ruta das Ermidas" (Ruta Verde), todas elas emprazadas en
paraxes pintorescas que actúan como auténticos miradores
naturais; A "Ruta da Historia" (Ruta Vermella), conduciranos
por unha viaxe a través do tempo, dende a Prehistoria ata a
Baixa Idade Media. En todas e cada unha delas únese o
turismo de lecer co achegamento xeral á totalidade da
comarca.
As segundas, para os amantes do contacto directo cos
camiños e as serras, ofrécensenos distintas posibilidades de
complementar deporte, lecer e formación. Mesmo se escollemos
as da Serra do Pisco ("Rutas de Padín"), que parte dos
monumentos megalíticos do Val do Salas, a da Serra de Santa
Eufemia ("Ruta de Padrendo"), con agrestes barrancos, ou a
das estribacións da Serra de Leboreiro ("Ruta de Queguas"),
cos chairos camiños das penichairas dos cumios, ou as da
Serra do Xurés ("Ruta de As Sombras" ou a internacional
"Ruta da Cela a Pitoes" ), que nos proporcionarán a
posibilidade de senti-las distintas zonas do PARQUE NATURAL
paso a paso, convivendo con paraxes que absorverán os nosos
sentidos, auténticos monumentos da natureza, restos
arqueolóxicos e a sempre grata convivencia cos habitantes da
zona.
Os
accesos.
Dende Ourense: o acceso máis rápido e
cómodo realizase pola estrada N-540 Lugo-Portugal (estrada
de Celanova), cun trazado recentemente modificado e renovado
dende Bande. Con motivo da construcción do encoro de Lindoso
realizáronse accesos a Lobios, Entrimo e a fronteira de A
Madalena (Lobios).
Dende a Meseta: por medio da estrada
N-525 Santiago-Zamora. En Xinzo da Limia existe a
posibilidade de coller a estrada comarcal que nos leva ó Val
do Salas a través de Porqueira (A Forxa) e Couso de Salas.
Xa no concello de Muíños, no lugar de Souto, unha estrada
local nos conduce a Mugueimes (capitalidade de Muíños).
Tamén dende Xinzo da Limia podemos acceder ó Val do Salas a
través da estrada comarcal que conduce a Baltar e Calvos de
Randín, para dende aquí, tomar unha estrada local que nos
leva a Maus de Salas, Requiás e Guntumil.
Dende Portugal: existen tres fronteiras
de acceso ó PARQUE NATURAL. A de A Madalena, que dende Ponte
da Barca continúa dentro do Parque Natural por medio da
N-540. A de Portela do Home, que comunica Lobios con Caldas
do Gerês e Braga. Finalmente a de A Ameixoeira, que une o
pobo portugués de Castro Laboreiro con Entrimo. Calquera
destas tres estradas transcorren polo Parque Nacional de
Peneda-Geres, limítrofe co da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Servicios e
direccións de interese.
Administración do Parque: Consellería de Medio
Ambiente. Delegación Provincial de Ourense Rúa do
Progreso, 161, Entrechán 32003 Ourense. Tfno. (988)
370715. Fax (988) 370835.
Sede do Parque Natural en Lobios Estrada de Portugal
s/n Tfno. (988) 448048 e 448181. Fax (988) 448048.
Feiras
e mercados.
- En Entrimo: feira de Terrachá (1er domingo de cada
mes) e romaría mercado de A Ameixoeira (3 er domingo de
setembro).
- En Lobios: Feira de A Portaxe (24 de cada mes) e
romaría mercado de A Madalena (24 de xullo) e Portela do
Home(21 de agosto).
- En Muíños: Feira de Porqueirós (4 de cada mes) e
feiras mercado de Mugueimes (6 de cada mes) e Couso de
Salas (11 de cada mes).
Festas
patronais e romarias populares.
Durante a estación estival celébranse en tódala comarca
numerosos festexos municipais, parroquiais e romarías. As
máis importantes no entorno do parque son: en Entrimo:
Terrachá (14, 15 e 16 de agosto), Feira VelIa (1 e 2 de
agosto) e A Illa (9 de agosto). Romaría Internacional de A
Ameixoeira (3 er domingo de setembro); en Lobios: Lobios (12
e 13 de agosto) e Grou (7 e 8 de agosto). Romarías da Nosa
Señora do Xurés (Riocaldo, 15 de agosto e 8 de setembro) ;
en Muíños, Mugueimes (1, 2 e 3 de xullo). Romarías da Virxe
do Crasto (Guntumil, 4º domingo de maio), Os
Milagros (Couso de Salas, 8 de setembro), A Aparecida
(Porqueirós, 4º domingo de agosto) e A Clamadoira
(Muíños, 2 domingo de setembro).
Servicios.
Campings e xonas de acampada: Muíños
conta co camping de O Corgo (Telf. 469020), na praia fluvial
do mesmo nome á beira do encoro das Conchas.
Áreas recreativas: En Entrimo,
Mirador de O Pedreiriño (Terrachá). En Lobios, Fonte
Rouco (Riocaldo), Os Baños (Riocaldo), fronteira de A
Madalena (Lobios). En Muíños, O Corgo (Muíños), Outeiro
da Cela (Muíños), Corro do Mouro (Maus de Salas) e Mirador
do Agrelo (Mugueimes).-
Praias fluviais e zonas de baño: Polo
encoro de As Conchas se distribúen numerosas praias de area.
Entre elas destacan polas súas instalacións a de O Corgo
(Muíños) e a de Porto Quintela (Bande), ambas moi próximas ó
Parque Natural. En Riocaldo (Lobios), existe un área
recreativa con zona de baño e dotada dunha piscina de auga
termal. Entrimo conta coas piscinas municipais de As
Perdices, nas proximidades de Terrachá, en pleno Río do
Casal.
Actividades deportivas: Na
actualidade a Sociedade Deportiva e Cultural "Fontefría" de
Muíños (Telf. 469020) conta cun equipo e escola de
piragüismo, así como actividades de excursionismo,
senderismo, baloncesto, e moitas outras como xornadas
culturais, conferencias temáticas, organización de festas
tradicionais e gastronómicas.
Teléfonos públicos, correos e
telégrafos: Nos pobos incluídos no PARQUE
NATURAL temos teléfonos públicos en Bouzadrago (Telf.
469546), Guxinde (Telf. 434624), A Illa (Telf. 433800),
Lantemil (Telf. 433882), Olelas (Telf. 433801), Pereira
(Telf. 434621), Queguas (Telf. 434674), Compostela (Telf.
433825), Ludeiros (Telf. 433826), Sampaio (Telf. 448162), A
Cela (Telf. 469007), Albite (Telf. 456413), Requiás (Telf.
456427) e Guntumil (Telf. 456430). Os servicios de Correos
atópanse nas respectivas casas consistoriais dos tres
concellos.
Asistencia sanitaria e
farmacias: Hoxe as tres capitais dos concellos
contan con Centros de Saúde da Seguridade Social en Terrachá
(Entrimo, Telf. 434712), Lobios (Telf. 448010), e Mugueimes
(Muíños, Telf. 456484), ademais das farmacias de Entrimo
(Terrachá, Telf. 434644), Lobios (Lobios, Telf. 448253) e
Muíños (Mugueimes, Telf. 456422). A comarca conta cun posto
da Cruz Vermella en Lobios (Telf. 448042), con servicio de
ambulancia.
Transportes públicos: Servicio de
taxis (paradas): Lobios, 448019; Muíños, 456471. A Terrachá
(Entrimo) non conta con Parada de Taxis, pero pódese
contactar con eles no Hostal La Entrimeña (telf.
434658). Servicio de autobuses: As liñas de autobuses que
comunican coa Baixa Limia, están cubertas pola Empesa ANPIAN
(Telf. 225288 e 220737), con saídas da Estación de Autobuses
de Ourense. AEntrimo: diario: 07.45, 10.30, 13.00, 17.15,
19.30; sábados: 07.45, 13.00, 17.00, 19.30; domingos e
festivos: 13.00, 17.00, 19.30. A Lobios: diario: 07.45,
10.30, 13.00, 19.30; sábados: 07.45, 13.00, 19.30; domingos
e festivos: 13.00, 17.00, 19.30. -" A Lobios por Mugueimes
(Muíños): diario: 18.00 (luns a venres). A Portela do
Home (Lobios): diario: 18.30 (luns a venres). A Muíños
(Mugueimes): diario: 12.50, 18.30; domingos e festivos:
18.30.
Información:
Para calquera cuestión ou aclaración adicional
pode vostede dirixirse á:
Consellería de Medio Ambiente Centro de
Desenvolvemento Sostible S.X. de Información,
Formación e Tecnoloxía Ambiental
Solicitude
de información
San Lázaro s/n 15781 -
Santiago de Compostela (A Coruña) Tlf.: 981-541-763
Fax: 981-541-765 | |
 |