«
Parque Natural "Invernadeiro" »
Medio
Físico.
| Ubicación |
Vilariño de Conso
(Ourense) |
| Superficie |
5.722 Ha. |
| Data de
declaración |
5 de Xuño de 1997 |
| Lexislación |
Decreto 218/97 de 30 de
xullo |
Información
xeral.
Espacio natural de carácter montañoso
situado ó sur do macizo central na provincia de Ourense,
entre os ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, e formado
polas Serras de San Mamede, Queixa, Manzaneda e o Fial
das Corzas, que constitúen o Macizo Central Ourensano,
con altitudes entorno ós 1000-1600m, situadas no temo
municipal de Vilariño de Conso
As altas montanas de cumes cobertos de pastos, mostrans
nas súas pinas abas grandes extensións de queirugais que, en
chegando ás ribeiras dos ríos, ceden o protagonismo ás
fragas e soutos fluviais nos que a vida bule de forma
sorprendente. Aquí e alí, escuras e espalladas manchas de
piñeiros recordan a que foi a árbore predominantes no
pasado. A fauna que ten aquí o seu fogar, asombra pola súa
riquexa e adaptación ó medio.
O espacio destaca pola súa riqueza faunística, botánica e
enorme interese xeomorfolóxico e paisaxístico.
Actualmente conta coa categoría de parque natural desde o
5 de xuño de 1997, Decreto 155/1997 (DOG do 27 de xuño de
1997); pero foi refuxio de caza como espacio natural en
réxime de protección xeral desde coa Orde do 15 de novembro
de 1989 e coa regulación das actividades de uso público
segundo a Orde do 8 de xaneiro de 1990, ocupando unha
extensión de 5500 ha.
Xeoloxía.
Desde o punto de vista xeolóxico, a
área encóntrase construída cara ó sur por esquistos, pedra
de gra e cuarcitas cambro-ordovíricas, e, cara ó norte
e nordés, por granitos hercínicos de dúas micas.
Separando ambas zonas encóntranse afloramentos de
migmatitas hercínicas, ortogneis precámbricos e arcosas do
grupo do ollo de sapo.
Xeomorfoloxía.
Predominan os vales encaixados no terreo,
con grandes manifestacións da acción erosiva fluvial,
que separan áreas altas e planas con irregularidades.
Aparecen tamén algunhas chairas illadas, relativamente
extensas e rexuvenecidas pola rede fluvial, con altitudes
aproximadas de 1000 m.
A acción dos fríos durante o cuaternario deixou pegadas
xeomorfolóxicas moi claras: moreas, circos glaciares,
etc.
Clima.
O clima é un dos factores interactuantes do medio físico
galego. Este parque natural, debido ó seu carácter de terra
interior, non participa das características do clima
oceánico na mesma medida ca outros espacios galegos, senón
que, estando dentro da zona de clima oceánico, se aproxima
máis ó clima continental. Por outra parte, o seu complicado
relevo dálle ó clima unha variedade moi notable, coa
aparición de microclimas de pequena extensión.
Os veráns son suaves, con temperaturas
ó redor dos 15º C, e os invernos bastantes fríos, con
mínimas que pueden chegar ós -7º C
A pluviometría é moi abundante ( 2000mm/ano) , con parte
das precipitacións en forma de neve.
O seu verán, caloroso e seco, dálles carácter
mediterráneo a algunhas das súas áreas, pero, ó mesmo tempo,
ten unha gran influencia atlántica (oceánica).
Este carácter mixto que na actualidade
desfruta a Serra, é o que lle dá un grande interese á
súa vexetación, por encontrarse no límite das rexións
eurosiberiana e mediterránea.
Hidrografía.
A serra de Queixa funciona como un importante núcleo de
dispersión hidrográfica. A rede fluvial que se organiza
dentro destes límites diríxese cara a dúas grandes cuncas: a
do río Miño e a do río Duero. Á deste último pertence o río
Támega, que se une a el en terras portuguesas, drenando unha
pequena extensión do suroeste desta zona.
Solos.
Presenta como aspectos máis notables o escaso
desenvolvemento xenético da maior parte dos perfís e a
existencia de determinados tipos de solo, con
características que parecen estar relacionadas cos fríos
Wurnienses, tanto na súa distribución como nalgúns
caracteres morfolóxicos.
Na súa formación predominaron as accións
mecánicas sobre as químicas, debido ás condicións climáticas.
En xeral, predominan os solos escasamente desenvolvidos
(Ranker e Litosol ), con áreas de solo hidromorfo (Historal
e Glysol) e pequenos enclaves de solos podsólicos.
Tamén existen algúns cambisoles nos lugares ben drenados
e con escasa pendente.
Vexetación.
Este espacio natural está encadrado na rexión
Eurosiberiana, provincia Cántabro-Atlántica, sector
Galaico-Portugués, subsector Xuresiano Queixense.
A forte influencia mediterránea ponse
de manifesto na etapa madura da serie Vaccinio myrtilli-Quercetum
roboris sigmetum frecuente aparición do carballo meloxo
(Quercus pynenaica), ou reflectida tamén pola ausencia
da Daboecia cantabrica nas formacións de mato de
urce e toxo..
A asociación dominante é a Genistello
tridentatae-Ericetum aragonensis, e tamén cunha
abundancia importante, aínda que en menor proporción cá
anterior, atopámonos coa asociación Agrostio
duriaei-Sedetum pyrenaici. Tamén destacan as formacións
de prados ibéricos silíceos, que obedecen maioritariamente á
asociación Teesdaliopsio confertae-Festucetum
summilusitanae.
Destacan como especies de interese os Sorbus
aucuparia, Taxus baccata e Prunus spinosa,
entre as árbores, pola importancia da alimentación que teñen
na fauna, así como os Rubus ulmifolius, Corylus
avellana e Crataegus monogyna, entre os
arbustos.
Fauna.
A fauna presenta a pirámide trófica
completa. O lobo, único superdepredador presente, actúa
sobre as poboacións naturais de corzo e xabaril .O máis
importante é a presencia dunha poboación de doce exemplares
con permanencia máis ou menos estable e cun comportamento
de predación sobre animais salvaxes, en oposición a outras
poboacións "dexeneradas", que son predadoras "oportunistas"
sobre aves de curral, depósitos de lixo, etcétera.
Son tamén mamíferos notables da área:
- O leirón gris (Glis glis), o teixugo (Meles
meles), a marta (Martes martes), a garduña,
(Martes foina), o armiño (Mustela erminea) e
a donicela (Mustela nivalis). Encontramos tamén
poboacións notables de ungulados, coma o corzo
(Capreolus capreolus), o cervo (Cervus
elaphus) e mailo gamo (Dama dama)
Ademais destas especies, están presentes
o desmán (Galemys pyrenaicus), o tourón (Mustela
putorius) e maila lontra (Lutra lutra) que
habitualmente se aloxan no río, ribeiras e zonas húmidas
en xeral.
- Respecto da avifauna presente, é de destacar a
presencia de dúas parellas de águia real (Aquila
chrysaetos) que, malia non chegaren a criar no
interior do parque, si utilizan o espacio como zona de
alimentación.
- Anthus campestris, Bubo bubo, Circaetus gallicus,
Circus cyaneus, Circus pygargus, Falco peregrinus
ou Perdix perdix hispaniensis son só algúns
exemplos das numerosas aves que habitan no parque natural
do Invernadeiro.
Historia e
cultura.
Os restos arqueolóxicos da zona reflicten
unha civilización antiga con indicios da existencia de
dolmens, castros e restos romanos (como a presencia dun
antigo campamento romano en Castelo de Cerveira, cerca
do parque). Foi precisamente na época romana na que no
monte de Invernadeiro se traballou nas explotacións auríferas
polo sistema denominado "derrubium montim". Daquela época
quedan topónimos como o do regato Cabadoiro.
O territorio que actualmente ocupa o
parque natural, é unha excepción histórica dentro da dinámica
seguida polo sistema de propiedade agraria en Galicia.
O seu mantemento como propiedade privada, así como a súa
permanencia en mans laicas, e sen padecer divisións territoriais
desde a idade media, provocou que o nivel do estado de
conservación do medio natural sexa superior ó que a evolución
antropóxena produciu nestas serras de Ourense.
Xa na época feudal, estes territorios
eran moi apreciados pola súa riqueza cinexética e as súas
posibilidades de pastoreo e foros.
Tamén destaca a arquitectura relixiosa, sobreanceando a
igrexa de Santa María, en Sabuguido.
O pazo de Conso, que pertenceu ó conde de Lemos, destaca
na arquitectura civil.
Outros
datos de interese.
Para entrar no parque, o visitante deberá
contar cun permiso que lle estenderá por escrito a Delegación
Provincial de Agricultura de Ourense, e que se concede
a un máximo de 30 persoas por día, para efectuaren percorridos
a pé polas rutas marcadas.
Aínda que non está permitido pernoctar, existe unha Aula
da Natureza que dispón de dous dormitorios de cadansúas 28
liteiras, destinados a grupos de estudiantes e
investigadores.